Con la tecnología de Blogger.
RSS

MASTERCLASS UVIGO

Unha lección de metodoloxía científica a cargo de escolares do Colexio Guillelme Brown
Rosa Tedín | Ourense
A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este xoves unha visita que xa se ten convertido nunha tradición para este centro. Un grupo de escolares do Colexio Guillelme Brown, do Concello de Pereiro de Aguiar, achegáronse ás súas aulas para compartir con profesorado e alumnado universitario como traballan no seu centro empregando o método científico. Nenas e nenos de Educación Primaria explicaron ás e aos futuros docentes presentes na sala os traballos que realizaron ao longo do curso e que presentaron na feira científica deste centro chamada Expociencia
Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, foi a encargada de dar a benvida ao grupo do Guillelme Brown felicitando aos escolares polo esforzo que realizan nas súas aulas e os resultados acadados e ao profesorado pola aposta por “unha aprendizaxe significativa” que redunde nunha mellor formación das novas xeracións.
Á sesión asistiron alumnas e alumnas da materia Didáctica das Ciencias Experimentais do grao de Educación Primaria da facultade ourensá. Acompañando aos escolares do Guillelme Brown estiveron varias das súas docentes, encargadas de explicar a filosofía de traballo que seguen en canto á aplicación da metodoloxía científica. As profesoras explicaron como o obxectivo desta visita é que “os futuros docentes coñezades ata onde poden chegar os escolares grazas a unha aprendizaxe significativa”. Coa metodoloxía aplicada nas súas aulas, apuntaron, teñen acadado que as e os estudantes “aprendan mellor, estean máis motivados e o pasen ben aprendendo”.
Desde Primaria a Secundaria
Durante a súa intervención, as profesoras do Guillelme Brown sinalaron como a aposta por esta metodoloxía naceu hai 16 anos e como foi evolucionando, primeiro aplicándose en Educación Secundaria Obrigatoria e indo paulatinamente trasladándoa a Primaria, e como se pasou de facer pequenos experimentos a verdadeiros proxectos de investigación. Nesta evolución, apuntaron, tamén foi moi relevante a posta en marcha da feira científica do centro, que se converteu nun aliciente para que as e os escolares traballaran máis a presentación de proxectos e a súa explicación didáctica. “O resultado ten sido espectacular nestes anos”, indicaron as profesoras.





Un a un, os grupos de escolares que se achegaron este xoves ao campus foron explicando ao alumnado e profesorado universitario presente  os seus traballos aclarando que estaban representando ó resto da súa clase.
“A evolución ao longo dos cursos é moi grande, sendo capaces xa nos últimos cursos da ESO de desenvolver sos os proxectos, estando os profesores para resolverlles dúbidas, orientalos e descubrirlle posibilidades”, comentaron as docentes deste colexio

  • Digg
  • Del.icio.us
  • StumbleUpon
  • Reddit
  • RSS